viernes, 22 de junio de 2012

Presentación da candidatura de Beatriz Sestayo á Secretaría Xeral da Agrupación Socialista de Ferrol


Renovación interna, compromiso coa esquerda e democracia participativa de toda a militancia


Beatriz Sestayo, que aspira á Secretaría Xeral, e Rosa Méndez, á Secretaría de Organización, explicaron os principios que rexirán o proxecto co que concurren á elección da nova executiva local da agrupación socialista, prevista para o día 6.

Ferrol, 23 de xuño de 2012.- A sede socialista ferrolá acolleu esta mañá a presentación do proxecto político da candidatura que, baixo o nome “Traza vermella”, encabeza a que foi ata onte secretaria xeral do PSOE local, a deputada autonómica Beatriz Sestayo. A parlamentaria, xunto con Rosa Méndez (que aspira á Secretaría de Organización), estivo acompañada tamén de moitos militantes –algúns deles a acompañarán na lista- que, como subliñou a propia Sestayo, supoñen “dunha vez por todas” a renovación do partido na cidade, ao tempo que exemplifican o que é o socialismo que “debemos e queremos defender: o da igualdade, o da defensa dos dereitos de todos e de todas cunha especial atención ao público, o dos traballadores e traballadoras, o da participación de toda a militancia e o da cercanía á cidadanía”.

E de aí o nome deste grupo, o de “Traza vermella”, que, lonxe de ser unha agrupación de militantes pechado, pretende convertirse nun lugar de encontro, de reflexión, de diálogo e de debate no que, a partires dunha serie de principios vencellados a este socialismo de esquerdas e comprometido, poidan participar tod@s os cidadáns que compartan un xeito de facer política alonxado de persoalismos e intereses que non sexan o da defensa dos intereses e dereitos das persoas. De aí a elaboración dunha serie de principios que, como indicou Sestayo, marcarán o traballo deste grupo de socialistas que quere que esta política sexa a que marque o funcionamento da executiva e, por extensión, do PSOE en Ferrol.
A elaboración dun código ético que “rixa en todos e todas os cargos e militantes” porque “non só fan adeptos os partidos coas súas doctrinas, senon cos bos exemplos e a recta conducta dos seus homes e mulleres”; a defensa firme do cumplimento da premisa “un militante, un voto” para a elección de todas as secretarías xerais e da celebración de primarias abertas a simpatizantes ou a rendición de contas por parte de cada unha das áreas da executiva con carácter trimestral previa elaboración e presentación á militancia dun plan de traballo de ditas áreas, son algúns dos compromisos da candidatura que presentou Sestayo e que, como queda de manifesto, ten na ética un dos seus principais pilares de funcionamento.


Ademais, e non menos importante, o plan de traballo desta agrupación contempla a posta en funcionamento dun observatorio local que abra un espazo á participación das persoas e colectivos progresistas, e que realice unha análise permanente dos diferentes indicadores sociais, permitindo ao partido o coñenecemento e incorporación das novas necesidades sociais. Tamén integra a creación de delegad@s de barrio que manteñan reunións periódicas coas entidades e afiliados de cada un dos barrios da cidade para coñecer verdadeiramente as necesidades concretas das diferentes zonas e, así, poder artellar respostas concretas e solución.


A apertura dunha Casa do Pobo Pablo Iglesias que sexa un verdadeiro referente na cidade e no centro do pensamento e debate das ideas e propostas progresistas, cun intenso programa de actividades políticas, culturais e sociais; e a creación dun Aula da Memoria que dea a coñecer a historia do socialismo de Ferrol, reforzando os seus principios e valores e dando protagonismo aos nosos maiores como fonte de sabiduría son outros dos puntos destacados neste ideario, que aproveitará tamén todas as novas tecnoloxías e a cibermilitancia como xeito de comunicación e participación.


Sestayo asegurou que, se este grupo sae elixido na asamblea do 6 de xullo, manterá unha “profunda coherencia entre o discurso e os feitos, e na que non haberá contradiccións”. Así mesmo, afirmou que “Ferrol terá un referente político para loitar enerxicamente contra o PP e as súas políticas da dereita”.


Pola súa banda, a que será Secretaria de Organización da executiva socialista se esta candidatura obtén o respaldo maioritario da militancia, Rosa Méndez, destacou o simbolismo do nome desta agrupación, “traza vermella”. “Pretendemos mirar é esquerda dende a ética persoal”, subliñou Méndez, que engadiu que con “traza vermella” queda “suficientemente claro” que “hai certas liñas que os socialistas non podemos traspasar”.


Rosa Méndez quixo facer fincapé na importancia da renovación desta candidatura, que defende o cambio e a integración, a renovación e a democracia participativa na que as maiorías escoiten ás minorías e se favoreza o debate político dende a esquerda.
“Temos unha oportunidade histórica para cambiar este partido, que na cidade está caracterizado pola súa endogamia”, afirmou Méndez.


En vindeiras datas, este grupo dará a coñecer ao resto de integrantes da candidatura, así como irá desgranando os diferentes puntos deste programa político. Como dixo Sestayo, hoxe ábrese un proceso “ilusionante, de ética e que pretende abrir as ventanas do socialismo a fóra”.

1 comentario:

  1. Yo solo leí Renovación interna y la risa ya no me dejo leer más.

    ResponderEliminar

OS COMENTARIOS CON INSULTOS OU QUE POIDAN RESULTAR OFENSIVOS NON SERÁN PUBLICADOS.